Saltar ao contido principal

O busto da Raíña de Inglaterra

Segundo premio de relato de Secundaria do Certame Literario.
Autora: Noelia Enríquez (1º E.S.O.)

O busto da Raíña de Inglaterra

Ela estaba na súa casa, mergullada, coma sempre, nos encrucillados que tanto lle encantaba resolver. Este era un dos pasatempos preferidos de Eva. O outro pasatempo, ou mellor dito traballo que tiña Eva, era resolver casos. Chamáballes pasatempos a eses casos que lograba resolver con gran éxito, polo moito que lle gustaba.
Era un día típico de Londres: chuvioso, escuro, e, para Eva, sen nada que facer, ata o momento no que soou o vello teléfono que tiña na súa mesa de noite, ao lado do sofá vermello, no que tantas veces se deitara xa a ler. Levantouse e colleu o teléfono. Ao outro lado da liña soou unha afónica voz, raída polo paso dos anos (foi o dato que lle deu a Eva, para descubrir que a persoa que estaba ao outro lado do teléfono, non debía ser moi nova) .
- É vostede a señorita Eva?
- Si, son eu, que desexa?
- Pois agora mesmo, desexo coller ao ladrón da peza máis importante da miña colección.
- Dígame onde vive e irei alí o antes que poida.
- Moi ben. Vivo na Oxford Street casa número 5.
- Agora mesmo estou aí. Adeus.
- Grazas
E colgou. Eva estaba moi contenta, pois había moito tempo que non tiña un caso e devecía por ir á casa da señora e comezar co caso. Por iso colleu a súa moto o máis rápido posible e botouse á estrada para entrar na gran cidade que é Londres.
Cando chegou á casa da muller, atopou o que esperaba: unha gran casa de sabe deus cantos pisos, rodeada por un gran xardín con moitas árbores frondosas cheas de flores (pois estaban en maio e xa as flores estaban lucindo nas grandes pólas das árbores).
Timbrou e agardou a que lle abrisen. Para a súa sorpresa, abriulle a porta unha muller moi ben vestida, con moitos enfeites, e unha boa compostura digna dunha muller de cartos. Eva deduciu que a muller era a que a chamara por teléfono.
- Bos días.
- Bos días . Foi vostede a que chamou, non si?
- Así é. Moitas grazas por vir, non estaba moi segura de se ías aparecer pois a policía tomoume por unha tola con moitos cartos que chama por calquera cousa.
- Pois eu estou moi segura de que non é desas.
- Nin moito menos, son unha muller coa cabeza ben posta.
- Iso non o poño en dúbida, pero … non vin ata aquí para falar do que pensa a policía de vostede, senón para falar do roubo. Por certo, como se chama? Por teléfono non tiven ese pracer.
- Chámome María Luísa Do Carme Rosa Uxía Laura Lucía, pero podes chamarme Mari.
- Vale, pois empezamos a falar do caso.
- Si claro perdoa, e que en canto empezo a falar non paro.
Pasaron a un gran salón, con moitos estantes cheos de libros, e cadros colgados nas inmensas paredes. No centro, había unha gran mesa con seis cadeiras arredor. Sentáronse nunha delas, e Eva colocou o seu caderno, sacou o seu bolígrafo e empezou a facer preguntas.
- Que foi o que lle roubaron?
- Un busto da Raíña de Inglaterra, de cera e único.
- Cando foi a última vez que viu o busto?
- Hai unha semana e media máis ou menos.
- Quen cre que pode ser o ladrón?
- Desconfío do director do Museo de Cera, pois, cando mo vendeu non parecía moi seguro, e ademais, nese momento estaban atravesando unha etapa de crise que seguro que influíu na súa decisión. Agora o museo vai perfectamente e, de seguro que quere recuperar o busto e que fará o que sexa.
- Entón está practicamente segura de que foi el.
- Si, estou case segura de que el mo roubou e, se non foi el en persoa, contratou a alguén para facelo.
- Vale, irei ao museo e falarei co director e con todos os empregados que poida.
- Agradézollo moitísimo.
Nese momento, Eva levantouse da luxosa cadeira na que estaba sentada e foi cara ao museo pensando, que tal vez, e soamente tal vez, o caso non sería tan difícil de resolver pois, se as afirmacións da muller eran certas, estaba claro que o ladrón era o director do museo.
Mentres reflexionaba, chegou ao museo, aparcou a súa moto, e antes de entrar, preguntou polo director. Estivo esperando durante media hora (que lle pareceu eterna) e cando apareceu o director sacou o seu caderno esperando resolver o caso o antes posible.
Estívolle facendo preguntas durante unha ou dúas horas pero non conseguiu descubrir nada que non soubera xa, e ao finalizar as pescudas pediulle a lista de empregados que, ao principio, non lla quixo dar póndolle escusas coma “iso son cousas privadas que non lle podo dar ao primeiro que mas pida“ pero que, coma non convencían a Eva, ao final tivo que ceder e darlla.
Ao día seguinte entrevistou a case toda a lista, aínda que, en canto viu a algunhas persoas, xa as descartou pola idade. Pero cando estaba chegando ao final, houbo unha xove que estaba moi nerviosa pero, non só porque a ían interrogar, senón porque parecía que algo lle preocupaba, entón, Eva, díxolle que ao día seguinte volvera porque tiña máis preguntas que facerlle.
Despois do longo interrogatorio, foi á casa da muller a dicirlle o que descubrira e, sobre todo, de quen desconfiaba aparte do director do museo.
Cando chegou á casa, desta vez abriulle a porta unha criada, que lle indicou onde se encontraba Mari. Eva saudou a muller, que desta vez estaba nun dos moitos balcóns que ten a gran casa. Contoulle o que descubrira.
- Eu creo que o verdadeiro sospeitoso é unha das empregadas que traballan no museo.
- Está vostede segura?
- Si, completamente segura, non teño ningunha dúbida de que esa empregada ten algo que ver neste caso, e se ela non foi ou non participou, viuno ou sábeo.
- Como se chama?
- Chámase Paula, vostede coñécea?
- Pois si, foi unha das miñas criadas ata fai un ano. Despedina porque houbo algunhas veces que a vin collendo cousas dos estantes e levándoo a súa casa.
- E por que non me dixo iso antes? – dixo Eva atónita de que lle ocultara unha cousa tan importante para a solución do caso – sabe algo máis que non me contara aínda e que poida ter que ver no caso do roubo do busto, e da igual que crea que non ten importancia, vostede dígamo.
- A verdade é que si. Paula levábase ou lévase moi ben co director do museo, moitas veces chamaba o director preguntando por ela cando aínda traballaba nesta casa.
- Esta información é moi importante para a investigación. Moitas grazas por confiarma, pode que grazas a ela podamos resolver este caso.
- Alédome moito de servir de axuda.
- Debería ir para a miña casa, foi un día esgotador e teño ganas de descansar.
Eva colleu a súa moto e marchou ordeando mentalmente as ideas para que en canto chegara á casa, puidera apuntalas no seu caderno, cear e meterse na cama o antes posible para levantarse cedo e poder seguir co caso que, por certo, prometía.
Ao día seguinte levantouse, tomou un café e agardou a que Paula chegase, pois esa mañá cando se levantou, ocorréuselle a idea de levala á casa da muller para a que traballara, para poder aclarar máis cousas do caso que tiña ese momento entre mans.
En canto chegou díxolle que non ían facer o interrogatorio alí, e que tiñan que ir a outro sitio. Paula quedou sorprendida pola noticia pero obedeceu sen poñer ningunha resistencia, aínda que Eva estaba segura de que se soubera a onde ían ir si que diría algo.
Cando chegaron, Paula dubidou de se entrar na casa, pero igual ca antes non puxo resistencia e entrou detrás de Eva. Pero aínda quedaba unha persoa por darse conta do que ía pasar nos seguintes instantes, Mari.
Esta aceptou non moi convencida, e fíxoas pasar a sala na que falaran Eva e Mari a primeira vez.
O interrogatorio marchaba perfectamente dende o punto de vista de Eva, cando na metade chamaron o timbre. Instantes despois apareceu unha criada acompañada por un señor que Eva, aínda non tivera o gusto de coñecer. Este señor era José, o veciño de Mari. Eva fixouse en que tiña algo mordido e desfeito na man, que pronto ía saber o que era.
- Señora María Luísa, isto debe de ser seu. Atopeino agora no meu xardín tirado e supuxen que sería seu, porque é seu, non si?- dixo o veciño mostrando o obxecto que tiña na man.
- Ai meu Deus! Se é o busto da Raíña de Inglaterra.
- COMO!- dixo Eva abrindo moito os ollos.
- Levo varios días vendo a súa cadela roendo algo, e onte a noite saíu da súa caseta e veu roe-lo busto o meu xardín. E a moi porca non o recolleu!- dixo o veciño en ton burlesco.
- Entón –pregunta Eva a Paula– por que estaba vostede tan nerviosa?
- Pois … -nese momento Paula púxose vermella coma un tomate e respondeu – porque pensaba que vostede descubrira a miña relación co director do museo. Verá, e que pensabamos casar no verán. Non dirá nada, verdade?
- Non se preocupe, ninguén saberá nada.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

ADEUS, MARTES DE ENTROIDO!

O alumnado de 1º de Primaria, despediu con moita mágoa o Martes de Entroido. Por sorte, aínda lles queda o Sábado de Piñata en Celanova! Aquí tedes un pequeno vídeo no que podedes escoitalos recitar uns versos como despedida desta festa que tanto lles gusta e para a que este ano prepararon máscaras de Cigarróns e Peliqueiros.

Entrega Premios II Certame Literario

...E por fin chegou o día!!! A entrega de premios do II Certame Literario!! Comezamos polos máis pequenos/as, que fixeron uns marcapáxinas moi bonitos!!! Logo o alumnado de 2º de Infantil!! E o de 3º de Infantil!!!! E por último pero non menos importante!! A entrega de premios do alumnado de Primaria e Secundaria! Parabéns a todos e todas!!!!!!