Manuel Curros Enríquez integra,
xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, a grande tríada dos clásicos do
século XIX. Naceu na nosa vila en 1851 (na casa número 14 da Rúa de San Roque) de
onde fuxiu aos quince anos por mor das tensas relacións familiares. Instalouse
en Madrid a fins de 1866, cidade na que comezou a carreira de Dereito. Nesta
época, tanto a través da súa obra xornalística como da literaria, podemos ver a
ideoloxía republicana e progresista de Curros que, como moitos intelectuais da
súa época, acreditaba en que o progreso científico, o dereito e a educación
traerían a felicidade a toda a xente. A súa relación neste período coa lingua e
a cultura galega era simplemente afectiva, de feito compuxo "A Virxe d'o
Cristal", "O gueiteiro" e "Unha boda en Einibó" para
as presentar a un concurso por petición da nai. O concurso fallouse en 1877,
ano en que Curros se instalaba en Ourense como funcionario na Delegación de
Facenda.
Nesta etapa ourensá, o noso poeta puido
aplicar á realidade galega a súa ideoloxía progresista, e este confronto
aproximouno aos rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña
terra, que saía en 1880 e alcanzou inmediatamente un enorme éxito, acrecentado
pola denuncia do bispo de Ourense, que solicitaba que fose confiscado e que o
incluía no índice de libros prohibidos. Curros foi xulgado e absolto. A obra
foi reeditada en 1881 e en 1886 con novas contribucións poéticas.
Santiago González Gómez (6º E.P.) |
Cesado no seu posto de Facenda en 1883,
Curros volveu instalarse en Madrid. Alí traballou como xornalista, primeiro en
El Porvenir e despois en El País, ao tempo que preparaba O divino sainete no 1888.
A crítica española recibiu este novo libro con eloxios, mais os amigos
rexionalistas de Galiza cubriron a publicación cun veo de silencio. A pesar
diso, Curros era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893.
En 1894 Curros emigrou a Cuba. Alí dirixiu
La Tierra Gallega e, cando esta publicación desapareceu, entrou na redacción de
El Diario de las Familias, e despois no Diario de la Marina. A súa estancia
cubana coincidiu co momento máis activo do movemento independentista, o que o
levou a reflectir sobre o imperialismo. De feito, en Cuba espallou os ideais de
rexeneración para Galiza e todas as iniciativas culturais: era xa máis
rexionalista que republicano.
A claridade e a enerxía con que defendía o seu
ideario, a súa rebeldía, creáronlle problemas ao longo de toda a súa vida. En
1904 volveu á Coruña onde foi recibido con mostras de entusiasmo. No poema
"N'a tumba de Rosalía", Curros deixaba o seu testamento ideolóxico.
Finalmente regresou a Cuba, onde morreu na Habana en 1908.
A Real Academia Galega decide adicarlle o Día das Letras Galegas de 1967.
A Real Academia Galega decide adicarlle o Día das Letras Galegas de 1967.
Lucía Núñez e Sara López Sánchez (6º E.P) |
Para máis información sobre este célebre escritor da nosa vila, premede no enlace: Fundación Curros Enríquez
Comentarios
Publicar un comentario