Saltar ao contido principal

Día Internacional da Biblioteca

O vindeiro 24 de Octubro é o Día Internacional da Biblioteca
Por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, desde 1997, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor dos/as bibliotecarios/as. Este ano, as autoras selecionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel que se difunde foron as gañadoras do Premio Nacional 2015, Ledicia Costas e Elena Odriozola. Celebra con nós o Día da Biblioteca!!!!
Velaquí o texto de Ledicia na súa versión galega.

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre.
As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:
—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?
Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica.
Feliz Día das Bibliotecas!!!!!

Ledicia Costas


Comentarios

  1. Gustoume moito as ideas que ten de marcianos e o do corazón que brilla 5 de primaria

    ResponderEliminar
  2. Gustoúme moito a forma en co pensou a imaxinación que tivo.
    #encatoume

    ResponderEliminar
  3. 5º de Educación Primaria
    Paréceme que este relato é moi bonito e moi importante porque nos ensina que pase o que pase nunca hai porque estar triste.#sempre felices

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Hoxe é o Día do Libro !! Para celebralo, toda esta semana realizaremos no cole actividades relacionadas coa obra de Miguel de Cervantes , "Don Quijote" . Acordádesvos da batalla contra un rabaño de ovellas que Don Quijote confundiu con soldados?

Noraboa a Noelia Enríquez Lamas!!!

Que acadou o Primeiro Premio pola provincia de Ourense na 54ª edición do Concurso Coca-Cola "Jóvenes Talentos", Premio de Relato Curto. Os relatos desta edición inspíranse en sorprendentes noticias sobre misteriosos acontecementos que afectan aos dicionarios de todo o mundo. Como estímulo narrativo a noticia publicada na portada d o diario O Chispazo que alertaba da misteriosa desaparición de todos os dicionarios do planeta. Desfrutade coa lectura  do relato!!! Concurso Jóvenes Talentos de Relato Corto Hacía ya un año de aquella noticia y seguíamos sin diccionarios. Habían desaparecido sin dejar ni una sola pista de adónde podrían haber ido. Su ausencia se notaba día tras día, o, al menos, eso creía yo. Al principio la gente pasó por alto la noticia o no le dio importancia. Algunos la comentaban con burla, otros divertidos y otros entre carcajadas sin al menos intentar disimular lo poco que le importaban esos” trozos de papel” como los solían llamar

LETRAS GALEGAS 2017

Premendo nas seguintes ligazóns tendes distintos crebacabezas sobre as Letras Galegas 2017, para o alumnado de Infantil e de Primaria.  Educación Infantil Lolo anda en bicicleta  A galiña azul Toribio Carlos Casares 1º e 2º de Educación Primaria  Toribio A galiña azul Lolo anda en bicicleta Carlos Casares 3º e 4º de Educación Primaria  A galiña azul Lolo anda en bicicleta   Toribio   Carlos Casares   5º e 6º de Educación Primaria Carlos Casares Real Academia Galega  Nos seguintes enlaces está o conto con pictogramas e o audio da obra "Lolo anda en bicicleta" Audio Conto