Primeiro premio de relato de Secundaria do Certame Literario.
Autora: Lucía Martínez (4º E.S.O.)
Os castrexos
Uns ollos azuis mirábanme fixamente. Non coñecía de nada
á persoa que se atopaba en fronte de min e a soa idea de ter que ir vivir con
el, non melloraba a situación. Atopabámonos nun cemiterio, nun dos recunchos
máis afastados, e ante nós levantábase unha pedra rectangular rodeada de flores
cunha breve inscrición que levaba o nome dela, o nome da miña nai defunta. Esa
pedra resultaba ser a tumba que agochaba o corpo dela sen vida.
As bágoas esvaraban polas miñas meixelas, pero estas non
eran apreciadas polo simple feito de que chovía a cántaros. Por unha vez
alegreime da súa compaña, servíanme de máscara e non deixaban entrever a miña
tristura. Pensaba que sería máis forte, ata lle xurei que non ía chorar, pero a
promesa levouna o vento, ao igual có cancro levara a miña nai... De súpeto
sentín a man de Manolo, que me acariñaba docemente, era hora de montar no
todoterreo negro (moi apropiado) que nos agardaba á saída do cemiterio e que
nos afastaría de Monteverde. Non quería irme de alí, pese a non ter case
amigos, ese era o fogar que me vira dar os primeiros pasos, o lugar onde
nacera. Montei sen convicción no todoterreo, Manolo despedíase coa man, intentei
sorrirlle pero as circunstancias non mo permitiron.
Todo quedou atrás, pola xanela a paisaxe cambiou por
completo, os edificios non eran máis que puntiños escuros que o monte tragaba. O
coche detívose, non sabía canto tempo pasara, quedárame durmida e ao espertar, o
home xa estaba sacando as miñas maletas do coche. Baixei del, observando o que
se me presentaba. Todo hai que dicilo, a casa non estaba mal, pese a atoparse
no medio do monte, era moi fermosa. Mirei ao meu arredor buscando outras casas,
pero só había unha ao lado. Perfecto, por fin podía gozar da tranquilidade que
tanto buscaba. Axudei ao estraño a levar as maletas ao interior da casa, si, abofé
que a casa non estaba nada mal, ben pensado o verán non ía ser tan malo.
Por fin rompín o meu voto de silencio e o rancor
acumulado foise tornando doce a medida que os días pasaban. O señor de ollos
azuis era Miguel, o meu pai, que despois de 17 anos sen verme, tiña a obriga de
quedarse comigo ata que cumprise a maioría de idade. Pouco a pouco as relacións
volvéronse agradables e ata saíamos xuntos: a pescar, nadar ao río, pasear en bici…parecía
que meu pai quería recuperar o tempo perdido. Eu non o culpaba por terme abandoada.
Xa dende moi pequena me tocara ser forte, tiven que aprender a vivir sen pai e
a coidar da miña nai. Sempre a recordaba enferma e despois de todo, cando
Manolo me contou que o meu pai aparecera, unha leve ilusión asomou no meu
interior. Deixado atrás o rancor, Miguel era moi bo home, non volvera casar e
traballaba como historiador na reconstrución dos castros. A primeira vez que
lle oín falar deles souben que para el eran importantes, así o delataba a súa
voz, e a verdade é que tiña a súa razón. Aquela mañá cando me levou a velos, as
palabras non recorrían a miña boca, que pasmaba aberta cara a beleza que se
atopaba ante os meus ollos.
Un río cruzaba a montaña de extremo a extremo, a ambos os
dous lados estendíanse pequenas casiñas de pedra chamadas “castros” que
delataban a existencia, anos atrás, dos castrexos. Aquela noite e as seguintes
soñei con eles, froito das tantas historias que Miguel me contaba á luz da
fogata, mentres o lume danzaba creando sombras, o meu subconsciente viaxaba aos
castros póndolle caras aos castrexos e dándolle vida á montaña na que estes se
atopaban. Pero unha mala nova fixo quebrar tanta ledicia, unha mañá ao baixar á
vila a por libros, oín a dous señores que discutían acaloradamente sobre o
problema que se lle presentaba á vila dende había uns meses: a chegada dunha
familia moi rica que quería construír a súa casa na zona onde se asentaban os
castros. Non era capaz de agochar a dor que me inundou nese momento, pensando
tamén no traballo de Miguel.
Decidín ir ata eles, pedaleei con forza e cando os
avistei un sorriso iluminaba a miña cara. Paseando entre eles, en cada recuncho
aparecían castrexos formando o mundo que só eu podía ver, tan metida ía nos
meus pensamentos que non me decatei de que alguén se achegaba a min ata que
choquei e caín de bruces. Ai! Vaia golpe, dispoñíame a berrarlle ao “estafermo”
que me fixera caer, cando as nosas miradas se entrecruzaron, o demais xa é
previsible. Diante de min atopábase un mozo moreno cuns ollos verdes que me
escrutaban, uns ollos dos que eu caín namorada. Martiño era o nome do rapaz, dende
ese día os castros foron o lugar onde quedabamos, dende ese día os dous
quedamos baixo un feitizo.
Todo ía moi ben ata que pasou o inimaxinable. Un día
soleado apareceu na montaña de Castromao unha máquina que comezou a esnaquizar
os castros. Dirixinme a ela sen pensalo pero pronto saíu ao meu camiño un home
que era a viva imaxe dun rei, un home que ía asentar alí a súa casa. Os
seguintes días presentáronse ben malia que eu estaba como se me acabasen de dar
unha malleira. Lembraba malamente aquel día, en como lle dera unha labazada a
Martiño, que me miraba estrañado, e en como correra ata chegar a casa sen
volver a vista atrás. Quedaba o día moi lonxe, as obras xa comezaran. Pese a
revolución dos cidadáns, neste mundo o diñeiro móveo todo.
Miguel estaba peor ca min e iso xa é dicir. Ninguén podía
facer nada para frear as obras.
Esa noite un ruído espertoume, unha pedriña chocou coa
fiestra, unha pedriña que tiraba Martiño. Saín entre bágoas e nun par de segundos
atopábame entre os seus brazos. Tíñame tola o rapaz, debería estar enfadada con
el pero non tiña culpa. Conteille o do traballo de historiador e a importancia
dos castros, e decidimos idear un plan para evitar o desastre. Á mañá seguinte
todos os cidadáns se atopaban nos castros. Os pais de Martiño tiveron que
chamar á policía porque lles era imposible reanudar as obras,e malia que nos
costou 23 horas, as máquinas abandoaron de madrugada a montaña e por fin os
pais de Martiño entraron en razón.
Os castros estaban a salvo polo de agora; os pais de
Martiño loitaban contra o pobo, o seu propio fillo e co Departamento Xeolóxico
(que declaraba monumento os castros e estes non podían ser esnaquizados). Todo
grazas a Martiño, que fora a persoa que chamara ó Departamento Xeolóxico, como
o fixo é outra historia.
Meses despois o verán chegaba ao seu fin, esa mañá a
montaña presentábase máis iluminada do normal, paseei por derradeira vez entre
os centos de castros, despedíndome deles. Esa tarde volvería a Monteverde para
estudar. Volvería en decembro, onde meu pai e Martiño me estarían agardando.
Si, ao final decidín quedarme e compartir a miña vida con
aquel home de ollos azuis que agora me miraba mentres unha bágoa lle esvaraba
pola meixela.
Gustame moito o de estafermo ainda que mais o teu relato. Non me gustaria que caises rendida con ningun home de ollos verdes en castromao. Moitas felicidades e non cambies. Juan
ResponderEliminar