O vindeiro 24 de Octubro é o Día Internacional da Biblioteca
Por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y
Juvenil, desde 1997, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e
Deporte, celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de concienciar á
sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor
dos/as bibliotecarios/as. Este ano, as autoras selecionadas para a redacción do
pregón e o deseño do cartel que se difunde foron as gañadoras do Premio
Nacional 2015, Ledicia Costas e Elena Odriozola. Celebra con nós o Día da
Biblioteca!!!!
Velaquí o texto de Ledicia na súa versión galega.
Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen
vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros
universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas
bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen
os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera
individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun
experto e visitar unha biblioteca.
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre.
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre.
As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros
milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As
persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están
dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume
ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo
volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os
observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é
o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar
tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e
brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. Alguén me contou que o
24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con
confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para
tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da
cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser
quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata
Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes
poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a
unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e
formas do meu chapeu:
—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme
unha taza de té?
Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller
refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así
como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito
desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso
posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e
nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar.
Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co
corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica.
Feliz Día das Bibliotecas!!!!!
Ledicia Costas
Gustoume moito as ideas que ten de marcianos e o do corazón que brilla 5 de primaria
ResponderEliminarGustoúme moito a forma en co pensou a imaxinación que tivo.
ResponderEliminar#encatoume
5º de Educación Primaria
ResponderEliminarParéceme que este relato é moi bonito e moi importante porque nos ensina que pase o que pase nunca hai porque estar triste.#sempre felices