Saltar ao contido principal

CELSO EMILIO FERREIRO

Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu en Celanova o 4 de Xaneiro de 1912.
Estudou cos Pais Escolapios, dos que recibiu unha formación cultural moi pouco común na época. Estivo relacionado dende moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.
Cando estalou a guerra, Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até que a familia acadou o indulto, escribiu o poema Longa noite de pedra, núcleo central do libro do mesmo título.
Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Santiago de Compostela. Aínda que concluíu a primeira das carreiras, nunca chegou a exercer como mestre. Casou coa súa dona Moraima e instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.

Santiago González Gómez (6º de E.P.)

Establecido en Vigo dende 1949 como procurador, escribiu unha biografía d
Curros Enríquez (célebre escritor nado tamén na nosa vila) consciente de que a recuperación da figura do poeta podía xogar un papel importante no despertar da consciencia colectiva do país nun momento tan delicado. En Vigo publicou O soño sulagado (1954), colaborou en varias revistas e dirixiu, para Galaxia, a colección de poesía "Salnés", onde saíu, en 1962, Longa noite de pedra. O impacto desta obra foi enorme, esgotouse en moi pouco tempo, marcando un fito na historia da nosa literatura. Aínda que non era o primeiro poemario da corrente socialrealista, Celso Emilio pasou a ser o símbolo deste movemento.
En 1966 marchou a Caracas, onde axiña se enfrontou coa directiva da Irmandade Galega e o sector máis reaccionario da colectividade galega, contra o que escribiu Viaxe ao país dos Ananos (1968), polémico poemario co que inicia un rexistro satírico que continuará en Cantigas de escarnio e maldicir (1968), asinado baixo o pseudónimo Arístides Silveira, no romance de cego Paco Pixiñas (1970), en Os autentes (1973) e mais en Antipoemas (1972). Celso Emilio decántase pola actitude belixerante e o compromiso, pois entende que a poesía é un instrumento eficaz para transformar a realidade.
No ano 1973 instalouse en Madrid, onde desenvolveu unha intensa tarefa a prol da cultura e a literatura galegas, dedicándose por completo á actividade literaria e xornalística. Son desta época os poemarios Cimenterio privado (1973) e Onde o mundo se chama Celanova (1975). A morte sorpréndeo en Vigo o 31 de Agosto de 1979, nun momento en que Celso Emilio Ferreiro se convertera xa nun auténtico mito vivo para as novas xeracións.
Foille adicado o Día das Letras Galegas de 1989.

Lucía Núñez e Sara López Sánchez (6º de E.P.)

Se queredes coñecer máis sobre a vida e a obra deste poeta nado na nosa vila, premede no enlace: http://celsoemilioferreiro.org/

Comentarios

Publicacións populares deste blog

ADEUS, MARTES DE ENTROIDO!

O alumnado de 1º de Primaria, despediu con moita mágoa o Martes de Entroido. Por sorte, aínda lles queda o Sábado de Piñata en Celanova! Aquí tedes un pequeno vídeo no que podedes escoitalos recitar uns versos como despedida desta festa que tanto lles gusta e para a que este ano prepararon máscaras de Cigarróns e Peliqueiros.

Entrega Premios II Certame Literario

...E por fin chegou o día!!! A entrega de premios do II Certame Literario!! Comezamos polos máis pequenos/as, que fixeron uns marcapáxinas moi bonitos!!! Logo o alumnado de 2º de Infantil!! E o de 3º de Infantil!!!! E por último pero non menos importante!! A entrega de premios do alumnado de Primaria e Secundaria! Parabéns a todos e todas!!!!!!